Asociación Cultural O XEITO

SENDEIRISMO

Sendeirismo no XeitoNecesidade dos roteiros de sendeirismo e filosofía dos mesmos

A Asociación Cultural “O Xeito”, consciente da necesidade de preservar o medio natural e o patrimonio histórico-artístico, acordou o 3 de maio do 2003, a creación de roteiros de sendeirismo no noso entorno que, ó mesmo tempo que serven para a actividade puramente deportiva ou recreativa (marchas, excursións ...), difunden os valores naturais e culturais destas terras bravas, axudan a conservar estes bens e mesmo fomentan o turismo rural.       

Dentro desta filosofía a Asociación Cultural "O Xeito" procedeu nos últimos anos ó acondicionamento do roteiro de sendeirismo Pedregais- Val do Maior, que na actualidade se atopa en trámites de homologación pola Federación Galega de Montañismo.

Descripción xeral do roteiro Pedregais- Val do Maior

Partindo de Solleiros, ascéndese por un camiño en parte empedrado que discorre polo medio de montes de pinos e algún carballo e eucalipto. Á beira do camiño, atopase a Pedra da Pía, nela hai gravadas cruces e cálices, que dan testemuña de que na pedra se practicaban ancestrais ritos.

Algo máis arriba está a Fonte dos Cabalos, á que agradeceremos a súa auga pura despois da longa subida. Tamén estamos ó pé da Pedra do Cadro (331 m. de altitude), e ó lado da fonte hai un pequeno piñeiral.

A serra do Pedregal, onde se asentan as pedras da Pía e do Cadro, entre outras, compón unha paisaxe granítico de grandes moles. As vistas sobre a Ría de Muros e Noia impresionan ó máis temperado.

No medio deste mundo predominantemente pétreo atopase, coma unha illa verde, a penichaira de A Braña, situada entre dous outeiros a uns 250 m. de altitude. A paisaxe cambia drasticamente; onde alí reinaban as laxas, aquí o fan os pinos, nun terreo anegadizo no inverno.

A aldea de Marselle, que pertence a parroquia de Sta. Mariña, atopase abandonada. Se ben, ata fai poucos anos, aínda vivía xente. Consérvanse nela, ademais de algunhas casas bastante deterioradas, antigos hórreos e terras de cultivo cada vez máis cubertas pola maleza.

O nacemento do Río Maior caracterízase polas árbores frondosas ( carballos, castiñeiros, sobreiras, ameneiros e incluso acivros). Na beira do Rego da Egua, primeiro afluente do Maior, atopamos debaixo da fronde, un muíño en bo estado de conservación.

A Silvosa, situada no fondo do val do Maior, é unha pequena e bonita aldea composta por non mais de 25 casas, algunhas deshabitadas e ruinosas, outras restauradas e plenamente activas. Hai varios hórreos e muíños, corredoiras empedradas, fontes..., todo rodeado de monte frondoso e cruzado polo río Maior, discorrendo por un estreito val case paralelo á estrada asfaltada Esteiro-Silvosa, entre fértiles veigas de labradío e bordeado polas frondosas, último vestixio da vexetación autóctona da zona.    

A pintoresca aldea de Riomaior, xa moi preto de Esteiro, conserva boas casas, hórreos e sobre todo muíños de auga, algúns dos cales aínda están operativos. A partir de aquí, o val ensanchase para recibir o aporte  das augas do Rego de Arestiño, principal afluente do Maior, que inicia deste xeito, no lugar coñecido por A Rañoa, o seu curso baixo, caracterizado polas marismas de A Salina e o influxo das mareas no esteiro que forma ó desembocar.

 

Sobre O Xeito | Faite socio/ a | ©2006 O Xeito