A Asociación Cultural "O Xeito" constituíuse o día 15 de marzo do ano 2003. Dende o ano 2003 ata a actualidade, son xa numerosas as actividades e eventos que levamos realizado: actuacións teatrais e de títeres, festivais de música, conferencias, proxeccións, exposicións, e obradoiros para nenos.
Os fins perseguidos por esta Asociación Cultural, recollidos nos artigos 4 e 5 dos seus Estatutos, son a promoción de todo tipo de actos culturais, artísticos e recreativos sen fin lucrativo, fomentando a participación e o interese polos mesmos entre a poboación, a mellora da oferta cultural e lúdica e tamén conservar a cultura e as tradicións populares de Galiza para poder transmitilas ás novas xeracións.
O ámbito de actuación da nosa asociación pretende abarcar toda Galiza, aínda que polo momento, a maior parte das súas actividades desenvólvense na vila de Esteiro.
Na actualidade o censo de socios e socias ronda as 300 persoas.
Os ingresos habituais da asociación proveñen das achegas de cada socio/a que ascenden a 10 euros anuais o carné individual, ou 20 euros o colectivo (para todas as personas que comparten domicilio) por un lado, e das subvencións xestionadas ante a Xunta de Galiza, Deputacións Provinciais e Concellos por outro.
A asociación ten un marcado carácter asembleario e todas as decisións son adoptadas nas Asembleas Xerais cos votos da maioría simple dos socios/as presentes.
Historia e Localización