Asociación Cultural O XEITO

CULTURA MARIÑEIRA

Cultura Mariñeira no XeitoO Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación Cultural “O Xeito” xurde no verán do 2006. Trátase dunha inciativa de socios de varias entidades cívicas de Esteiro que teñen proposto esta fórmula organizativa como mellor forma de fomentar a participación cidadá no obxectivo da defensa e posta en valor do patrimonio material e inmaterial da cultura mariñeira.

A principal actuación do Grupo de Cultura Mariñeira é impulsar a recuperación da coñecida popularmente como “Canoa da Esteirana”. Esta é unha embarcación tradicional de vintedúas cuartas que será posta a disposición do uso e desfrute de toda a cidadanía de Esteiro, e permitirá realizar unha achega positiva ao espazo social configurado pola Federación Galega da Cultura Mariñeira e Fluvial.

Os integrantes do Grupo de Cultura Mariñeira teñen organizado recentemente:

Ano 2006. Recadación popular de fondos para a Restauración da Canoa da Esteirana a través dun sorteo e da venta de camisetas de apoio.

Ano 2005. “Roteiro Polo Esteiro Industrial” en colaboración coa Asociación de Natureza e Tempo Libre “A Carricanta” de Santiago de Compostela, coa intención de difundir a importancia da Industria da Salgadura na historia de Esteiro e dos restos de arqueoloxía industrial que aínda se conservan na Vila.

Ano 2004. “Travesía en Lancha Xeiteira” do Porto de Lira ao Porto de Esteiro en colaboración coa Asociación Cultural “A Canle” de Lira, coa intención de difundir a importancia das embarcacións tradicionais en xeral, e das lanchas do xeito en particular, na cultura da Ría de Muros e Noia.

 

Visita o Blog do Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación Cultural " O Xeito ", fai click aquí.

Sobre O Xeito | Faite socio/ a | ©2006 O Xeito